18 junio, 2010

Parodiar Rosalía

Dende a antigüidade grega e romana (e moito podemos aventurar dicindo que dende que o ser humano apareceu sobre o planeta como tal, é dicir, dende que o simio alcanzou o estadio de capacitación simbólica)…

a parodia e a caricatura serviron de vehículo de expresión a moi variadas causas e finalidades que case sempre respiran un bafo ou halitose máis ou menos corrosiva, máis ou menos hixiénica e humorística, coas que se trata de aldraxar, denunciar, deslixitimar, ridiculizar ou destruír socialmente algo ou alguén cuxa simple existencia, xusta ou inxustamente, nos enfada e coidamos que nos causa, obxectiva ou subxectivamente, malestar e prexuízos, ou simplemente que deita sombra ideolóxica sobre o noso xeito de concibir o mundo, a vida ou calquera parcela do existir humano e do pensar. Seguramente nas insculturas e pinturas rupestres que agora miramos perplexos dende a nosa inopia interpretativa hai máis dunha parodia do veciño de cova ou de palafito da que perdemos as claves descodificadoras.

Mesmo estamos vivindo a día de hoxe unha desas escaladas da parodia que historicamente, e cunha certa periodicidade, tiveron lugar na cultura occidental, especialmente en tempos convulsos e críticos. Quizais se deba isto á multiplicación ou democratización dos medios de expresión e, sobre todo, á súa divulgación e consumo entre camadas sociais que até non hai moitas décadas case non dispuñan máis que da inventiva que lles podía proporcionar a capacidade de emitir sons articulados en forma de linguaxe oral.

Grandes poetas, dramaturgos, novelistas, artistas plásticos, cineastas, en fin, xentes de todas as latitudes, xeografías e tempos, xentes de notoriedade pública positiva ou negativa, de toda condición social, política, confesional ou profesional, de calquera textura moral ou ética, dos berces de extracción máis heteroxéneos, foron e son agora mesmo obxecto de parodia, porque, agás en tempos de especial vixilancia do poder ditatorial e autoritario, ou casos de exención da norma común moi discutíbeis (que llo pregunten á revista El Jueves, ou aos vitandos ilustradores dos libros infantís do autor dinamarqués Kåre Bluitgen ou ao xornal, ¡de dereitas!, Jyllands-Posten), é moi difícil encausar xudicialmente a quen se permite poñer na picota unha persoa, colectivo ou institución pública ou privada.

Por iso xa non pode resultarnos raro nin debe alporizarnos moito que nestas últimas semanas se estea deturpando parodicamente e de xeito prosmeiro un inocente (patético) poema de Rosalía de Castro (Adiós ríos, adiós fontes) nunha mensaxe (non sei se institucional) de aparencia altruísta e cun certo afán rexenerador e esperanzado da condición galega, na que se nos invita a celebrar o medro do outro, a nos alegrar polos triunfos do veciño. É de supoñer que tamén dos que logra o adversario político ou o competidor profesional, en xeral, porque xa postos a abrir a espita das gratuidades dubidosamente constatábeis e realizábeis podemos botar as luminarias que nos pete e así encubrir os problemas da cidadanía, como con aquel “¡malo será!” de Gadis (Axencia BAPConde), que mesmo parece spot subvencionado polo goberno para que non desesperemos perante a crise e confiemos no azar e na primitiva. Que ¡malo será!.