11 diciembre, 2013

Novagalicia é a primeira entidade financeira en converterse en socio protector da Catedral

As máis de 500 oficinas de Novagalicia participarán na difusión e na captación de fondos

Novagalicia acada un compromiso de tres anos coa Fundación Catedral de Santiago

mecenazgo-ngb

Novagalicia Banco é a primeira entidade financeira en converterse en socio protector da catedral de Santiago, unha iniciativa que se enmarca no plan de mecenado que a Fundación Catedral de Santiago botou a andar hai uns meses para acadar o financiamento necesario para as obras de restauración e conservación do conxunto monumental.

O acordo, asinado esta mañá por Santiago Novoa, director do gabinete de Presidencia de Novagalicia Banco, e por Daniel Lorenzo, director xeral da Fundación Catedral de Santiago, nun acto celebrado na Casa do Deán, compromete a colaboración por tres anos da entidade financeira nesta acción de mecenado.

Amais dunha achega financeira anual, segundo o acordo acadado hoxe as máis de 500 de oficinas de Novagalicia Banco na comunidade haberán de converterse “na mellor ferramenta de apoio e difusión desta iniciativa”, segundo explicou Santiago Novoa. “Dispoñemos da maior rede de distribución, da maior rede de oficinas físicas de Galicia; non hai organismo público nin privado, non hai ningunha empresa ou institución que teña unha maior presenza física neste país que Novagalicia Banco”, insistiu o voceiro da entidade financeira.

“Somos o primeiro banco de Galicia e somos tamén o primeiro colaborador financeiro da igrexa galega e compostelá, así que necesariamente tiñamos que apoiar unha iniciativa que consideramos vital para a sociedade e, tamén, para a economía deste país”, resumiu Santiago Novoa na súa intervención, na que salientou o alcance dunha axuda “que sobrepasa os límites municipais desta cidade e beneficia a toda Galicia”.

Daniel Lorenzo, pola súa banda, concordou co voceiro de Novagalicia Banco na importancia do apoio da primeira entidade financeira de Galicia, coa que se leva colaborando dende hai moito tempo. O director da Fundación Catedral de Santiago salientou ademais a importancia de contar con Novagalicia para difundir este plan de apoio a un dos símbolos de Galicia.

Plan de mecenado

A Fundación Catedral de Santiago puxo en marcha este plan de mecenado para atender as necesidades de financiamento que supoñen as obras de restauración na Catedral. Este plan vai máis alá dunha sinxela recadación de cartos, de xeito que tamén se trata de concienciar á sociedade sobre a necesidade de conservar un monumento da magnitude da Catedral de Santiago, facéndoa partícipe dun proxecto que, desde Galicia, traspasa fronteiras e convértese en patrimonio mundial.

Os fondos recaudados serán destinados ás necesarias obras de conservación e rehabilitación da Catedral, recollidas no seu plan director. O Plan Director da Catedral de Santiago é un documento oficial que establece a folla de ruta, cos custos e a programación das actuacións precisas para a conservación integral da Catedral. O Plan Director é vital para que as actuacións na Catedral teñan un fío condutor e unha programación lóxica en función da prioridade das intervencións previstas.

O Plan de Mecenado nace articulado sobre catro eixos. Dun lado, un Programa de Amigos, dirixido a persoas individuais que se queren implicar no proxecto da Catedral, de xeito que, mediante unha pequena achega anual, disfrutan das vantaxes do Museo e pasan a formar parte dun colectivo, partícipe das actividades organizadas desde a Catedral. Xunto aos Amigos contémplanse as figuras de Colaboradores e Benefactores da Catedral, pensado para pequenas empresas que realicen achegas de ata 15.000 euros. Tamén se puxo en marcha un Programa de Protectores da Catedral, epígrafe no que se inscribe a colaboración de Novagalicia Banco.